viernes, 16 de noviembre de 2012

Irmandamento Autumnal

Que por maio era, por maio,
cando fai a calor,
cando os trigos encañan
e están os campos en flor;
cando os namorados
van servir ao amor.

Si, foi no pasado maio cando unha pequena representación do noso club compartiu unha inesquecible xornada de convivencia cos nosos colegas do IES de Poio, por mor da visita que eles nos fixeron a Tui.

Hoxe, seis meses despois, somos nós, os que visitaremos a súa bisbarra para seguir tecendo lazos entre estas terras bañadas polo Miño i esoutras que bican as augas da ría de Pontevedra.

Daquela era tempo de primavera, hoxe son xornadas autumnais, días de saudade. Saudade daquelas horas pasadas xuntos... Por iso nós que estudamos nun centro que no seu título lembra a San Paio peregrinamos á tumba de Santa Trahamunda, patroa da saudade. 

Santa Trahamunda e San Paio, dous mozos galegos que coñeceron a cautividade na Córdoba califal onde un sufriu o martirio e desde onde a outra voou, transportada sobre unha rama de palmeira, ata o seu querido Poio, a patria quizáis do descubridor Colón...

Autumnais lecturas, saudosas lembranzas, feliz reencontro!

martes, 13 de noviembre de 2012

A mancha negra

Nestes días cúmprense dez anos daquela marea que tinguiu de negro os nosos mares e costas, unha catástrofe que aínda hoxe anda polos xulgados e que nós queremos lembrar como mellor sabemos: lendo. 
A lectura que traballaremos será a novela La Mancha Negra de Manuel Sánchez Dalama, Edit. Algaida, Sevilla, 2011, 248 pp. (XIV Premio Novela Cidade de Badajoz).
Estamos diante dunha novela policial que narra a historia de dous naufraxios: o do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas e o dun policía galego afincado en Madrid nos peores momentos da súa vida. Dous desastres arredor da insólita figura de Manfred Gnädinger, o alemán de Camelle, unha das vítimas que provocou o afundimento do vello petroleiro. Manuel Sánchez conta as circunstancias que rodearon o naufraxio do Prestige, mesturadas cunha historia de amizade, vinganza e narcotráfico.
Neste enlace podes ir abrindo boca coas primeiras vinte páxinas.