viernes, 16 de noviembre de 2012

Irmandamento Autumnal

Que por maio era, por maio,
cando fai a calor,
cando os trigos encañan
e están os campos en flor;
cando os namorados
van servir ao amor.

Si, foi no pasado maio cando unha pequena representación do noso club compartiu unha inesquecible xornada de convivencia cos nosos colegas do IES de Poio, por mor da visita que eles nos fixeron a Tui.

Hoxe, seis meses despois, somos nós, os que visitaremos a súa bisbarra para seguir tecendo lazos entre estas terras bañadas polo Miño i esoutras que bican as augas da ría de Pontevedra.

Daquela era tempo de primavera, hoxe son xornadas autumnais, días de saudade. Saudade daquelas horas pasadas xuntos... Por iso nós que estudamos nun centro que no seu título lembra a San Paio peregrinamos á tumba de Santa Trahamunda, patroa da saudade. 

Santa Trahamunda e San Paio, dous mozos galegos que coñeceron a cautividade na Córdoba califal onde un sufriu o martirio e desde onde a outra voou, transportada sobre unha rama de palmeira, ata o seu querido Poio, a patria quizáis do descubridor Colón...

Autumnais lecturas, saudosas lembranzas, feliz reencontro!

martes, 13 de noviembre de 2012

A mancha negra

Nestes días cúmprense dez anos daquela marea que tinguiu de negro os nosos mares e costas, unha catástrofe que aínda hoxe anda polos xulgados e que nós queremos lembrar como mellor sabemos: lendo. 
A lectura que traballaremos será a novela La Mancha Negra de Manuel Sánchez Dalama, Edit. Algaida, Sevilla, 2011, 248 pp. (XIV Premio Novela Cidade de Badajoz).
Estamos diante dunha novela policial que narra a historia de dous naufraxios: o do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas e o dun policía galego afincado en Madrid nos peores momentos da súa vida. Dous desastres arredor da insólita figura de Manfred Gnädinger, o alemán de Camelle, unha das vítimas que provocou o afundimento do vello petroleiro. Manuel Sánchez conta as circunstancias que rodearon o naufraxio do Prestige, mesturadas cunha historia de amizade, vinganza e narcotráfico.
Neste enlace podes ir abrindo boca coas primeiras vinte páxinas.

viernes, 25 de mayo de 2012

TUI PARA VIAXEIROS LECTORES

O pasado mércores, día 23, recibimos a visita do club de lectura "Os trasnos dos libros" do IES de Poio. Unha pequena representación do noso club encargouse de mostrarlle a cidade e algúns dos seus monumentos. E como estabamos entre lectores pensamos que unha boa maneira de facelo era guiados pola pluma de escritores, algúns deles veciños ou viaxeiros.
Tamén os nosos hóspedes trouxeron poemas que recitaron nalgunhas das estacións deste peculiar itinerario lector polo pétreo outeiro ao que nun lonxano día arribou o heroe Diomedes, fillo de Tideo.
Porque sabemos que lectura e turismo son compatibles; porque cos pés e coa literatura podemos facer camiño; porque unhas boas verbas, unhas verbas poéticas fan máis levadeiro o camiño... ofertamos as lecturas que nos acompañaron nese marabilloso día de maio para que, se resultan do voso agrado, tamén poidades gozar delas na vosa visita a Tui.

viernes, 27 de enero de 2012

A GUERRA DAS MALVINAS

Na primavera de 2008 saía ao prelo en Cataluña a escolma bilingüe galego-catalán, Poetes gallecs d´avuí (Llibres del Segle, 171 pp.) Dela presentamos o poema titulado "A Praza de Maio" da nosa compañeira Marga do Val (premio da Crítica 2011 polo seu poemario A cidade sen roupa ao sol e premio da AELG pola súa tradución de Randea do Alento da nobel Herta Müller)
Un poema axeitado para a conmemoración do Día da Paz: o protagonista é un mozo ex combatente da Guerra das Malvinas ao que atopa a poetisa na porteña Praza de Maio.


Na praza de Maio ás sete da mañá do 2006
din cos teus ollos e bebín mate da túa man
tiñas frío
ese frío interior que nunca cesa e que percorre todas as latitudes
levabas na praza cento vinte e un días
invitáchesme á manifestación ás catro da tarde.

Veterano de guerra matado pola democracia
dezaoito anos e unha soa semana de instrución
iluminado polo sol partiches obrigado para as Illas.
Dezaoito anos coma min que camiño feliz
entre os piñeiros de Zamáns cara a Universidade
e levo no corpo pegadas dos bicos de onte.
Tes na man o nome de todos os suicidios
o suicidio
esa morte tan natural na que pensas ás veces
mentres lembras as túas aulas de filosofía
con dezaoito anos.

Les manuais de autoaxuda
sabes da existencia da síndrome post traumática da guerra.
Convídote á Feira do libro e móstrasme o documento
ex combatente heroe da Guerra das Illas Malvinas
tes a porta fechada
moitas portas fechadas
condenado á esmola
vítima da ditadura á que lle puxestes o remate.