jueves, 19 de noviembre de 2009

A nosa "mascota"

A nosa "mascota" existe. Esta é a súa fasquía:


Este o seu D.N.I.:

Nome: Pedra

Apelidos: do Acordo

Idade: son tan vella que xa non me lembro.

Enderezo: no límite dos concellos de Gondomar, O Porriño e Tui e das parroquias de Rebordáns, Pazos de Reis, Chenlo e Morgadáns.

Afeccións: que os veciños cheguen a acordos sobre cuestións comunais.

Frase preferida: Lendo enténdese a xente.

Ela xa se rexistrou, agora é o teu turno


Club de Lectura “Pedra do Acordo”

Porque lendo enténdese a xente.



En tempos de pandemia, Xarope

Cando a gripe A parece atenazarnos, algúns dos membros do Pedra do Acordo decidimos facer un prospecto para o noso xarope
(como se enteren os laboratorios farmacéuticos, seremos denunciados por competencia desleal?...)


Pedra do Acordo
xarope

QUE É PEDRA DO ACORDO E PARA QUE SERVE?
É un medicamento do grupo dos favorecedores da lectura. Está indicado para:
➢ Tratamento de corta duración da apatía lectora.
➢ Revitalización das capacidades lectoras en períodos de lecer.

ANTES DE TOMAR PEDRA DO ACORDO
Evite tomalo se padece:
➢ Síndrome de inmunodeficiencia lectora severo e crónico.
➢ Se é alérxico (hipersensible) ao principio activo ou a calquera outro compoñente da lectura, dos libros e das bibliotecas.

Tolerancia
➢ Tralo uso continuado pode detectarse un lixeiro desexo de perder o tempo lendo.

Dependencia
➢ A inxesta de doses elevadas pode producir a aparición de dependencia física ou psíquica.

Uso en rapaces
Aos doentes menores de vinte anos debe administrarse en pequenas doses e sempre con carácter voluntario.

Condución e uso de máquinas
A capacidade para conducir vehículos ou manexar maquinaria pode resultar negativamente afectada pola sedación muscular que pode aparecer como resultado do tratamento.

COMO TOMAR PEDRA DO ACORDO
Atenda as instrucións que lectores incorrixibles e bibliotecarios poidan transmitirlle. Se ten dúbidas consulte con eles. Lembre tomar o medicamento nas doses indicadas e non suspenda o tratamento xa que podería provocar efectos non desexados.

POSIBLES EFECTOS ADVERSOS
Pedra do Acordo é ben tolerado e as reaccións adversas son leves e reversibles.
O último caso grave, literariamente probado, aconteceu no século XVII cando o fidalgo Alonso Quijano, trala inxesta de tódalas existencias que do xarope había na botica dun lugar da Mancha, do que non queremos lembrar o nome, acabou cun cadro alucinatorio vendo xigantes onde había muíños ou odres de viño tinto, castelos que eran vendas, helmos de Mambrino que eran bacías de barbeiro, Dulcineas que resultaron Aldonzas...

CONSERVACIÓN DE PEDRA DO ACORDO
Mantéñase ao alcance e vista dos nenos.
Este xarope non necesita condicións especiais para a súa conservación.
A data de caducidade é o día do Xuízo Final.

INFORMACIÓN ADICIONAL
Tes lido este prospecto?
A qué agardas para facerte co xarope?
Ven á biblioteca e infórmate!

Club de Lectura
“Pedra do Acordo”
Algúns acordamos ler
(e algo máis...),
e tí?